O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, defende que quedarse na casa o próximo 9 de xuño é conformarse e por iso pide aos galegos unha mobilización acorde á importancia dunhas eleccións nas que Galicia se xoga ter unha presenza forte en Europa, onde todos os días se deciden asuntos que afectan directamente á nosa Comunidade.
Insistiu así en que exercer o voto nestas eleccións supón a oportunidade de manifestar que Galicia quere igualdade, merece un trato xusto e non é menos que ninguén, nin en España nin no conxunto de Europa. Algo que ademais hai que facer, explicou, unindo o voto en torno ao Partido Popular.
Rueda explicou neste sentido en que o voto ao PSOE irá unicamente destinado á continuidade de Pedro Sánchez na Moncloa. Do mesmo xeito que votar ao BNG é o mesmo que elixir como representante no Parlamento Europeo a un deputado de Esquerra ou de Bildu, que non queren nin España nin Europa.
Estas eleccións tamén son unha oportunidade, explicou, de plantar cara ao Goberno de Sánchez. É máis, sostén que quedarse na casa o 9 de xuño é o mesmo que avalar a amnistía, os pactos cos independentistas, a Lei do só si é si ou a discriminación e os incumprimentos que leva sufrindo Galicia todos estes anos.
O presidente do PPdeG invitou aos presentes a facer unha comparativa, no que se refire ao xeito de gobernar, entre estes dous primeiros meses de Lexislatura na Galicia que funciona e os dez meses de parálise que leva o Goberno de Pedro Sánchez. Animounos así a votar por quen busca o entendemento e non a supervivencia, por quen cumpre e non por quen só se escusa e por quen da a cara por Galicia e non por quen se agocha.