O candidato do Partido Popular ao Parlamento Europeo Adrián Vázquez realizou hoxe na súa terra, Lalín, no último día de campaña, unha visita á Gandería Xoco SC de Lalín acompañado polo coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto.
Unha visita na que ambos tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man como é o dia a día desta granxa familiar de vacún de leite que comezou a súa produción na década dos 80 e que actualmente conta cun rabaño de 80 vacas frisonas e produce unha media de 81.000 litros ao mes.
Adrián Vázquez trasladou a Eva e José Manuel, os seus propietarios, a aposta do Partido Popular por unha política agrícola competitiva e con sentidiño en Europa. Unha política que fixe prazos realistas para a posta en marcha das reformas, que utilice a evidencia científica na toma de decisións e que vele porque todos dentro de Europa cumpran os mesmos requirimentos (cláusulas espello para produtos de terceiros).
Así mesmo, os populares comprométense a rebaixar a carga administrativa para agricultores e gandeiros e a flexibilizar esixencias como os barbeitos, a rotación de cultivos ou o caderno dixital. Medidas todas elas que se garantirá coa presidencia da Comisaría europea de Agricultura, que ostentará o Partido Popular.