O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o proxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que continuará a súa tramitación parlamentaria logo de superar as emendas á totalidade presentadas por BNG e PSdeG, “plantexa un novo e mellor modelo de participación social nos beneficios que pode xerar un aproveitamento sostible, racional e ordenado dos recursos naturais do país”.
Alberto Pazos apuntou que este novo texto lexislativo “contempla beneficios relacionados coa cohesión social e territorial, coa mellora da calidade de vida da poboación, coa neutralidade climática, co mantemento e a creación de emprego, co desenvolvemento da economía local, coa redución do prezo da enerxía para consumidores e industrias locais, ou coa recuperación de zonas afectadas por incendios forestais, entre outros”.
“O texto senta as bases dun novo mercado voluntario de créditos de carbono, pioneiro en España, que permite a monetización das boas prácticas medioambientais e que democratiza estes beneficios para que alcancen a comunidades de montes ou aos nosos agricultores e gandeiros”, sinalou.
Na súa intervención, Pazos agradeceu “o traballo e a xenerosidade das máis de 70 organizacións de todo tipo que participaron, dunha ou doutra maneira, na elaboración desta normativa, que a enriqueceron coa incorporación de 67 alegacións ou permitindo a clarificación de conceptos ou interpretacións”. Entre as entidades que participaron na elaboración deste proxecto lexislativo, citou as tres universidades galegas, a Fegamp, os sindicatos, distintas asociacións de ámbito forestal ou os seis colexios galegos de enxeñeiros.
Respecto do Consello Económico e Social, o portavoz popular subliñou que “emitiu un informe positivo aprobado por 30 votos a favor e 5 abstencións, un documento que superou o prazo previsto para a súa emisión pero que a Xunta esperou na súa vontade de transparencia na tramitación deste proxecto lexislativo”.
ENFOQUE ERRADO
Sobre as emendas á totalidade presentadas por BNG e PSdeG, Alberto Pazos manifestou que parten dun “enfoque errado, no que o partidismo prima sobre o interese do país e o curtoplacismo prevalece sobre a visión de futuro que debería guiar calquera actividade lexislativa”. “Estas emendas son unha mixtura de arcaicos tópicos e de burdas manipulacións, e nalgún caso dun preocupante descoñecemento da lexislación vixente e, incluso, dos principios básicos de calquera democracia”, apuntou.
O portavoz popular afirmou que “xa perdemos a conta dos proxectos lexislativos que mereceron os calificativos de espoliador e depredador” por parte do BNG, “pero o problema da súa crítica permanente é que ninguén sabe cal é esa suposta alternativa que levan pregoando décadas”. “Están en contra da enerxía nuclear, das centrais hidroeléctricas, das térmicas, das de ciclo combinado, das instalacións fotovoltaicas, da eólica mariña e, por suposto, de todas e cada unha das estruturas eólicas do noso pais, agás das que se instalaron durante o seu goberno; e tamén están pola eliminación dos combustible fósiles, pero o certo é que traballan para eliminar calquera alternativa que lles poida facer competencia”, explicou.
Para rematar, Alberto Pazos asegurou que esta nova lei “non reduce nin unha soa esixencia para a instalación de calquera industria en Galicia” e engadiu que “ningún proxecto se instalará en Galicia se non cumpre as condicións medioambientais, e ningún proxecto será aprobado sen un informe socioeconómico favorable”. “Ningún deses informes prevalece sobre o outro e, polo tanto, establécese unha dobre esixencia e, consecuentemente, unha dobre garantía”, concretou.