O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que defenda ante a Comisión Europea a posta en marcha dunha normativa de protección dos cetáceos que sexa compatible coa práctica pesqueira, equilibrando riscos e afectacións, e integrando aquelas medidas de disuasión de interacción que eviten a paralización da frota pesqueira.
O portavoz de Pesca do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, lembrou que o Goberno de España publicou unha orde en 2020 na que se establecían unha serie de mecanismos para facer máis sinxelo o control das capturas, normativa que a solicitude da Comisión Europea tivo que modificar para reducir as capturas accidentais de cetáceos. Segundo esta nova orde, os buques pesqueiros cunha eslora total superior a 8 metros, que utilicen artes de arrastre de fondo á parella, cerco, artes menores de enmalle ou enredo, volanta e rasco non poderán faenar entre o 22 de xaneiro e o 20 de febreiro de 2024.
41 BARCOS ESPAÑOIS AFECTADOS
“Son 41 barcos españois, dos que 18 son galegos, os directamente afectados por esta normativa, que tiveron que cambiar de caladoiro ou amarrar pola veda para protexer aos golfiños”, sinalou o portavoz popular.
Neste sentido, lembrou que o ministro de Pesca “anunciou compensacións adecuadas e xustas a quen se vira prexudicado, ben con axudas a cargo do Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura ou ben con outro tipo de mecanismos”. “Lamentablemente, de momento deste diñeiro non se sabe nada, pero o que é verdade é que os armadores están sen actividade e os tripulantes, no paro”, dixo.