A deputada do Grupo Popular Paula Mouzo esixiu hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno central “mova ficha e aprobe a declaración de zona catastrófica par as rías galegas, tal e como xa llo solicitou o Senado por maioría”.
No debate dunha proposición non de lei sobre a perda de produción marisqueira na ría de Arousa, Paula Mouzo explicou que a Xunta xa ten en marcha un estudo sobre as causas desta situación, cun seguimento continuo das zonas de marisqueo a través dos técnicos da Consellería do Mar e das asistencias técnicos das propias confrarías.
En concreto, indicou que a Xunta, a través do Centro de Investigacións Mariñas, “está realizando o seguimento e monitorización dos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa, propoñendo actuacións para a súa recuperación ademais de diversas accións de investigación relacionadas co marisqueo e a súa problemática”.
RECUPERACIÓN DA PRODUCIÓN
Respecto das medidas impulsadas para a recuperación da produción marisqueira, a deputada popular subliñou que a Xunta xa ten en execución varias iniciativas neste eido apoiadas con axudas, como os 1,7 millóns de euros para proxectos colectivos de conservación e restauración da biodiversidade e dos sistemas ecomariños; os 4,5 millóns en apoio ás confrarías para a vixilancia dos bancos marisqueiros e a contratación de biólogos; ou os 300.000 euros para proxectos de mellora da produtividade dos bancos marisqueiros afectados por perdas de produción.
Por último, Paula Mouzo incidiu que “a Xunta carece de competencias para dragar a ría de Arousa, unha actuación que corresponde en exclusiva á Administración Xeral do Estado”, e puxo como exemplo a actuación que a Dirección Xeral de Costas está a realizar na ría do Burgo en A Coruña.