O Partido Popular de Galicia reivindicouse hoxe como “o partido da mocidade galega” como a gratuidade da matrícula ao longo de toda a carreira universitaria ou o acordo para “acabar coas desigualdades entre comunidades” cunha ABAU común e máis xusta.
En declaracións aos medios esta mañá en Santiago de Compostela –acompañada pola presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira e o coordinador de Educación do PPdeG, Ovidio Rodeiro–, a secretaria xeral do PPdeG insistiu na aposta do seu partido por “premiar e estimular o esforzo do alumnado” e de aí medidas pioneiras impulsadas desde Galicia.
Medidas como a proposta dunha ABAU común a partir de 2025 formalizada esta semana nun acordo asinado polas 12 comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular, que representan ao 70% do alumnado español, e coa que se pretende poñer fin aos “17 camiños distintos” que existían ata o de agora nesta proba e que prexudicaban aos mozos e mozas galegas.
“Galicia lidera o debate a nivel nacional e logramos sacar adiante a nosa postura, dando solucións onde o Goberno central e os seus socios só ofrecen división, mantendo a nosa autonomía e competencias, pero cunha mellor coordinación”, explicou Paula Prado subliñando que este pacto “se axusta á lei e blinda as singularidades da nosa Comunidade, especialmente en todo o que respecta á nosa lingua propia”.
No que se refire á gratuidade da matrícula universitaria á que deu luz verde o Consello da Xunta este luns, a número dous dos populares galegos recordou que o presidente Alfonso Rueda comprometera en campaña electoral que esta medida sería unha realidade nos primeiros 100 días de goberno e “aquí temos o resultado”.
“Galicia foi pioneira coa conxelación das taxas universitarias, tamén ratificada para o vindeiro curso por décimo cuarto ano consecutivo, e agora damos un paso máis coa gratuidade da matrícula”, engadiu ao respecto.
Prado quixo aproveitar tamén a ocasión para animar á mocidade galega a “seguir apostando polo partido que mellor defende os seus dereitos” cun apoio maioritario como o acadado o pasado 18 de febreiro, no que máis do 40% dos mozos e mozas galegas escolleron a papeleta do PPdeG.