O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG nin de PSdeG, a través da que se insta á Xunta desenvolver un novo Plan de saúde mental de Galicia, como oportunidade para avanzar no fortalecemento da saúde pública, actualizar os programas e intervencións, e dotar de máis recursos nete ámbito sanitario. Así mesmo, pídese continuar desenvolvendo proxectos psicoeducativos entre a mocidade galega, impulsando recursos e programas que dean resposta ás características específicas médicas e psicosociais daqueles que a idades temperás presentan un trastorno mental ou risco de padecelo.
A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, lembrou que o Plan de saúde mental de Galicia 2020-2024 conta cunha dotación orzamentaria de 83 millóns de euros, o que supuxo un incremento anual do gasto en saúde mental de 17 millóns de euros. “Agora xa está anunciado un novo Plan de saúde mental 2025-2030, porque a saúde mental e, máis concretamente, a saúde infanto-xuvenil é de primordial importancia para o Goberno de Alfonso Rueda, como o demostra o feito da recente creación dunha Subdirección específica de saúde mental”, afirmou.
CUMPRINDO OBXECTIVOS
Na súa intervención, Encarna Amigo fixo un repaso do grao de cumprimento dos obxectivos do Plan de saúde mental e, sobre a contratación de persoal, creáronse o 100 por cento das prazas recollidas través das leis de orzamentos e actualmente xa están cubertas máis do 60 por cento das prazas, con persoal contratado a tal efecto ou que obtivo estas prazas polos distintos mecanismos de oferta.
“Ademais, co obxectivo de darlle a máxima estabilidade a esas prazas, na oferta pública de emprego deste ano para prazas de difícil cobertura convocáronse, para adxudicación en propiedade, 175 destas prazas para profesionais da saúde mental: concretamente 44 de psiquiatría, 37 de psicoloxía e 94 de enfermaría especialista”, engadiu.
En canto ao compromiso da posta en marcha dos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil, neste momento xa están en funcionamento unidades nas sete cidades galegas, así como unidades de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil no Hospital de Santiago e no Álvaro Cunqueiro de Vigo. Ademais, creáronse sete unidades de prevención intensiva do suicidio, unha por cada área sanitaria, que xa atenderon a máis de 1.500 persoas.
Para rematar, Encarna Amigo destacou o aumento do ratio de profesionais da psicoloxía clínica, desde 3,4 profesionais por cada 100.000 habitantes no 2020 a 5,2 por 100.000 habitantes na actualidade. Así mesmo, aumentouse o ratio de psiquiatras desde os 7,4 por 100.000 en 2019 a 8,6 na actualidade.