O Partido Popular de Galicia denunciou hoxe a “deriva partidista” da Fegamp e acusa ao seu presidente, o socialista Alberto Varela, de “estar utilizando a federación en beneficio do PSOE e en detrimento do espírito municipalista e do sentir maioritario dos 313 concellos galegos”.
“O espírito da Fegamp debería ser a unanimidade e a concordia, pero estase distorsionando coa asunción de posturas totalmente partidistas en asuntos que deberían ser consensuados entre todas as forzas políticas”, afirmou hoxe o vicepresidente da federación e alcalde do Incio, Héctor Corujo, nunha rolda de prensa acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.
Puxo como exemplo a reunión do presidente da Fegamp co líder dos socialistas galegos, que se celebrou “de xeito unilateral, sen ter en conta a outras forzas e excluíndonos improcedentemente” e na que se abordou a situación do canon que os concellos abonan a Sogama.
Unha situación, engadiu o portavoz popular, derivada da aprobación da Lei estatal 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que “impón un imposto que grava a actividade de Sogama para a reciclaxe dos residuos” e que “supón un incremento artificial do custo de actividade desta planta”.
Neste sentido Corujo reprocha aos dirixentes do PSOE Alberto Varela e José Ramón Gómez Besteiro que “optaran por criticar o modelo Sogama para evitar explicar a orixe do problema e disimular a implicación do Goberno de Sánchez”.
O MODELO SOGAMA É O MÁIS EFICAZ, EFICIENTE E ECONÓMICO
Desde o PPdeG apuntan que, fronte aos outros dous sistemas de xestión de residuos en Galicia, o promovido por Sogama é o máis eficaz, eficiente, económico e respectuoso co medio ambiente. De feito, sosteñen que de non existir esta empresa pública, os concellos mandarían o 50% dos seus residuos a vertedoiro e, en lugar de pagar 9 millóns de euros en concepto de imposto estatal, pagarían 18”.
De aí que consideren desconcertante que a Fegamp se preocupe tanto do canon de Sogama, o máis barato de Galicia e de España, e non se alarme polo que pagan os concellos adheridos ao Consorcio das Mariñas ou á planta do Barbanza, nos que o canon supera os 100 euros/tonelada fronte aos 66 euros de Sogama.
Denuncian así mesmo que e lei aprobada polo Goberno central repercutiu nun incremento dos custos para a compañía e que a carga impositiva derivada da mesma non ten por obxectivo fomentar a redución, a reutilización e a reciclaxe, senón que ten un fin única e exclusivamente recadatorio.
Os populares galegos conclúen que, grazas á aportación da Xunta de Galicia, o canon de Sogama para 2024 quedará nos 66 euros/tonelada, o mesmo que en 2023. E que, polo tanto, a mellor bonificación que se pode aportar a todos os concellos é que continúen a pagar o canon máis barato de Galicia e de España.