O deputado do Grupo Popular Miguel Fidalgo afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta ten ultimado o borrador do Plan Director do sector de automoción, que será presentado proximamente tal e como o PPdeG se comprometera durante a campaña electoral. Ademais, Fidalgo demandou ao Goberno central a descentralización dos fondos europeos destinados á industria para a súa xestión directa por parte da Xunta, de xeito que se poidan garantir a viabilidade dos principais proxectos tractores galegos.
Miguel Fidalgo garantiu que “a Xunta estivo, está e estará sempre apoiando o futuro da automoción en Galicia, sobre todo nun momento como o actual no que este sector afronta un proceso de cuasi reconversión”.
Neste sentido, criticou que o BNG “trate de facer crer que o Goberno de Galicia non atende ao sector da automoción, ao que ten destinado nos últimos anos máis de 100 millóns de euros”. Ademais, avanzou que a Xunta, continuando coa súa folla de ruta, presentará proximamente o borrador do Plan Director do sector da automoción, “un proxecto con medidas a curto, medio e longo prazo para impulsar a competitividade, a innovación, a internacionalización e a formación neste sector industrial”.
COMPRA NO TERRITORIO
O deputado popular lembrou que “Pedro Sánchez anunciou no seu momento que os fondos europeos nos ían saír polas orellas, pero a realidade é que en Galicia caeu un reintegro mentres o gordo foi para Cataluña, País Vasco, Estremadura e Valencia”. “33.500 millóns de euros en pertes industriais, dos que o 50 por cento están sen convocar a día de hoxe e cunha baixísima execución por parte do Estado”, resumiu Fidalgo sobre a tramitación de fondos europeos por parte do Goberno central.
“Cando o Goberno socialista redacta o PERTE da automoción, en ningún momento se pon como requisito a compra no territorio, o que provoca que se acaben deslocalizando as compras”, manifestou Miguel Lorenzo, quen anotou que para paliar esta situación a Xunta vén de sacar unhas axudas de 18 millóns de euros para apoiar os investimentos que teñen que facer as empresas auxiliares, para poder rebaixar os seus custes e poder competir con empresas de economías emerxentes.
Para rematar, Fidalgo tendeulle a man aos nacionalistas galegos “para que Galicia siga sendo referencia no ámbito da industria automobilística e para que haxa diálogo e paz social; pero se veñen facer demagoxia, a meterlle o medo no corpo á xente e atacando a Stellantis aí non nos van atopar”.