O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor lamentou que o radicalismo do BNG privara de consensuar hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia un acordo sobre o recoñecemento da diversidade e a política contra a discriminación nas aulas por razón de orientación sexual.
En concreto, Gonzalo Trenor criticou que o BNG “rachara co consenso acadado na aprobación hai dez anos da lei de igualdade de trato e non discriminación integral para o colectivo LGTBI”. “Volvemos atoparnos co nacionalismo galego máis radical, que fuxe de calquera acordo que supoña beneficios e atención para calquera galego, sexa cal sexa o seu pensamento político, crenza ou orientación sexual”, indicou.
DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS
“Máis aló do contido concretou daquela lei, a aprobación desa norma supuxo unha declaración de intencións, unha mensaxe de apoio a todo os galegos e galegas gais, lesbianas e transexuais e ás súas familias, e supuxo a mellor declaración a favor da igualdade e contra a discriminación que podía facer este Parlamento”, lembrou.
Á vista da negativa do BNG a negociar un acordo, Gonzalo Trenor anunciou que “rexistraremos unha nova iniciativa neste Parlamento co obxectivo de negociar cos demais grupos unha postura conxunta que recoñeza os dereitos do colectivo LGTBI, especialmente no ámbito da educación”.
Esta iniciativa do Grupo Popular, que partirá da emenda rexistrada para o seu debate no Pleno de hoxe, insta á Xunta a realizar un estudo sobre a situación das persoas LGTBI no eido educativo galego; mellorar a atención dos casos de acoso ou ciberacoso a persoas LGTBI; continuar coa formación do profesorado en cuestións como a mellora da convivencia e a coeducación; desenvolver un programa piloto de educación afectivo-sexual cun enfoque integral; favorecer a igualdade das persoas nos centros educativos; e remitir ao Parlamento un informe sobre a nova situación dos centros Quérote++, así como o informe de aplicación da Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.