O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a realización de infraestruturas viarias vitais para Galicia e a execución inmediata das obras de reparación necesarias para garantir a seguridade nas autovías e estradas de titularidade estatal na Comunidade galega.
O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, lamentou que “o Goberno central leva anos deixando de lado o mantemento e o desenvolvemento das infraestruturas de comunicación viaria en Galicia, acumulando atrasos e incumprimentos de prazos e de investimentos que se traducen nun agravio comparativo co resto das comunidades españolas”.
SITUACIÓN PREOCUPANTE
Neste sentido, considerou “preocupante” a situación na que se atopan as autoestradas e estradas de competencia estatal. En concreto, referiuse ás autovías A-6 e A-52, para as que urxiu “un reacondicionamento integral do seu firme, que día a día continúa co seu deterioro e prexudica aos usuarios da conexión de Galicia coa Meseta”; e á autovía A-8 de conexión coa cornixa cantábrica, “que segue cos mesmos problemas de néboa cos que naceu e seguen sen ter solución”.
“Non é razoable que o único anuncio do Goberno central en materia de conservación de estradas foi un investimento de apenas 23 millóns de euros para actuar en menos do 10 por cento das estradas da súa titularidade en Galicia: 10,5 millóns de euros a repartir entre as provincias de A Coruña e Lugo, e outros 12,6 millóns para as provincias de Ourense e Pontevedra”, manifestou.
A maiores desta necesidades de intervención no mantemento e conservación das autovías e estradas de titularidade estatal, Roberto Rodríguez tamén criticou que o Goberno central leva anos acumulando incumprimentos en relación á execución das novas infraestruturas viarias comprometidas por Galicia, especialmente aquelas que resultan vitais para a comunicación coa Meseta e para a vertebración interna do territorio galego: A-56; A-52, no acceso a Vigo; A-74 ou A-76.
EXEMPLO DA XUNTA
Para rematar, o portavoz popular animou ao Goberno central “a tomar nota da liña de acción da Xunta, que cada ano destina máis de 50 millóns de euros para blindar a seguridade e eficiencia das estradas da súa competencia, convertendo a rede de estradas autónomica nun referente de conservación”.
Ademais, apuntou que a Xunta destina cada ano outros 40 millóns de euros “para seguir incrementando os quilómetros de viarios de alta capacidade, cando o Estado levaba catro anos sen abrir un so quilómetro novo de autovía en Galicia, ata que a pasada semana inaugurou o Orbital de Santiago”.