O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei a través da que se solicita a creación dun programa específico que apoie o emprendemento das persoas con discapacidade, co obxectivo de mellorar a súa inserción socio-laboral.
A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, manifestou que “a inserción laboral das persoas con discapacidade non so debe ser contemplada desde a óptica do emprego por conta allea, porque hai moitísimas persoas con discapacidade cun enorme potencial para emprender”. “O emprendemento non é so unha vía para a autosuficiencia económica, senón tamén un camiño para a autorrealización e a plena participación na vida económica e social de Galicia”, apuntou.
TRANSFORMAR A CONTORNA, CREAR EMPREGO E APORTAR TALENTO
Noelia Pérez asegurou que a través do emprendemento “as persoas con discapacidade poden transformar a súa contorna, xerar emprego para outras persoas e aportar o seu talento e visión ao tecido empresarial galego”.
Na súa intervención, a portavoz popular lembrou que a Xunta dedica este ano máis de 33 millóns de euros a promover o emprego inclusivo e apoiar ás persoas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral. “Debemos asegurarnos que todas as persoas, independentemente das súas capacidades, teñan as ferramentas necesarias para alcanzar as súas metas”, incidiu.