O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “non existe sobrecusto no Hospital Álvaro Cunqueiro, nin trato de favor a Eulen, nin unha soa sospeita fundada de irregularidade na contratación da Xunta durante a pandemia”, polo que animou ao BNG a constituír unha comisión de investigación “porque, de non levalo a cabo, estaría facendo gala dunha incoherencia política inasubmible e demostraría que o único que os nacionalistas poden aportar a Galicia é mentira, difamación e covardía política”.
Alberto Pazos criticou que “a señora Pontón, ao volante da máquina do fango, e co señor Besteiro no asento do copiloto, pretende enlamar a política galega espallando manipulación, bulos e fake news, coa esperanza de que iso sirva para tapar o seu enésimo fracaso electoral”. “Xa perdemos a conta das comisións de investigación formuladas pola oposición polas máis variopintas razóns, pero nin unha soa vez tiveron a coherencia e as agallas de facer uso da potestade que lles outorga o regulación deste Parlamento para constituír unha comisión de investigación automaticamente, sen apoio de ninguén e sen necesidade de votación”, lembrou.
UN DOS MELLORES HOSPITAIS DE EUROPA
Na súa intervención, considerou “unha vergoña que se atrevan a criticar a este goberno por construír durante a crise o hospital público que vostedes non foron quen de iniciar en plena bonanza económica”, ao que engadiu que “resulta dun mastodóntico cinismo que critiquen o método usado para financialo cando é similar ao escollido polo seu goberno bipartito”, como o demostrou cunha carta da asesoría Garrigues reclamando o pago polos servizos prestados para a realización dunha memoria na que se concretaba que o proxecto do hospital de Vigo tería unha participación pública do 10 por cento e tería externalizados todos os servizos non sanitarios.
“Afortunadamente, a demagoxia do Goberno bipartito foi substituída pola seriedade dun Goberno do PPdeG, que foi capaz de axustar as contas públicas, sen facer esas renuncias, ao tempo que poñía a disposición dos galegos un dos mellores hospitais de Europa”, destacou.
Respecto das contratacións da Xunta coa empresa Eulen, o portavoz popular reiterou os datos oficiais extraídos da plataforma e do rexistro de contratos da Xunta, que xa foron facilitados polo Goberno galego ao Parlamento galego en 2022, nos que se pon de manifesto unha redución do 65 por cento da contratación con esta empresa por parte do primeiro Goberno de Feijóo respecto do Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas.
NIN UN SÓ REPARO DE LEGALIDADE
Por último, sobre as contratacións realizadas durante a pandemia da Covid-19, Pazos lembrou que “xa foi fiscalizada polo Consello de Contas, sen realizar nin un só reparo de legalidade”. “Sabendo isto, desde o BNG espallaron sospeitas de enriquecemento persoal do Presidente Feijóo durante a pandemia”, criticou o portavoz popular, quen cualificou de “noxento que aínda non se desculparan por tan baixeza”.
Alberto Pazos rematou asegurando que “os admiradores do exemplar sistema electoral bolivariano pretenden importar ao noso país a metodoloxía do réxime de Maduro, convenientemente adaptada á realidade española”, porque “ante a acumulación de casos de corrupción no entorno máis próximo ao Presidente do Goberno de España, a esquerda, tanto nacionalistas como socialistas, néganse a dar calquera explicación ao tempo que esixe que se investigue ao xefe da oposición”.