Os senadores do PPdeG denuncian que a transferencia da AP-9 “non é unha prioridade para o Goberno de Pedro Sánchez” e acusan ao PSOE de “faltar ao seu compromiso electoral nas autonómicas” e de “dicir unha cousa en Galicia e a contraria en Madrid”.
Logo da comparecencia do ministro de Transportes, Óscar Puente, esta tarde no Senado para abordar a cuestión da transferencia da autopista do Atlántico, o senador José Manuel Barreiro sostén que “o ministro deixou claro que entre as prioridades do seu Ministerio non se atopa a transfernecia da AP-9 a Galicia”.
“A comparecencia do señor Puente puxo de manifesto que para o PSOE non teñen valor nin o acordo que se adoptou por unanimidade –e polo tanto co apoio dos socialistas galegos– no Parlamento de Galicia sobre esta cuestión, nin o compromiso electoral de aplicar a gratuidade da AP-9 que manifestaron nas últimas eleccións autonómicas”, asegura.
O senador lucense reprocha neste sentido aos socialistas que “digan unha cousa e a contraria en Madrid” e ironiza con que este cambio de postura “probablemente sexa consecuencia do escaso peso que o PSOE galego ten no Goberno de Sánchez e da pouca importancia que o propio Sánchez lle dá a Galicia”.
“Tamén quedou claro que o compromiso do BNG coa transferencia da AP-9 non significa nada e que o seu apoio gratuíto á investidura de Sánchez foi a cambio de nada, xa que a día de hoxe non asumiu ningún tipo de compromiso co cumprimento dos seus acordos”, engade.
Por todo isto, Barreiro conclúe que nestes momentos “o único partido que ten unha posición firme, clara, comprometida e seria respecto a Galicia e respecto á transferencia da AP-9 é o Partido Popular de Galicia”.