O Consello de Contas incorporará ao seu Plan de Traballo para 2024, a proposta do Grupo Popular, a realización dunha auditoría operativa dos concellos galegos que non cumpriron a súa obriga de render as súas contas, segundo o previsto no artigo 223 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. A viceportavoz popular, Cristina Sanz, cualificou de “correcto, completo e exhaustivo” o Plan de Traballo deste organismo para o vindeiro ano, no que se incrementa case un 40 por cento o número de novas fiscalizacións realizadas en 2023, e criticou que BNG e PSdeG “estean pedindo que multiplique por catro o seu traballo, algo absurdo e imposible de cumprir triplicando os medios humanos e materiais dos que dispón o Consello de Contas”.
Cristina Sanz apuntou que a incorporación ao Plan de Traballo do Consello de Contas dunha auditoría operativa dos concellos galegos que non cumpriron coa obriga de render as súas contas é “unha recomendación xenérica, que se basea nun criterio obxectivo e resulta de aplicación con independencia da cor política que goberne”. Neste momento, esta auditoría afectaría aos concellos de Verín, A Rúa e Redondela, que son os que non cumpriron coa obriga de remitir ao Tribunal de Contas a Conta Xeral do exercicio anterior antes do 15 de outubro de cada ano.
AUDITORÍAS DO SAF E HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO
Ademais, a viceportavoz popular considerou acertado a incorporación, entre as 32 novas fiscalizacións que levara a cabo o Consello de Contas, de auditorías operativas do Servizo de Axuda no Fogar ou do Plan Galego de Hospitalización a Domicilio, porque “estamos ante fiscalizacións duns servizos prioritarios, no sentido de que están moi centrados nas persoas que teñen dificultade de mobilidade e que están garantindo que non teñan que abandonar o seu fogar para recibir coidados sanitarios e diarios na súa vida”.
APROBADA A CONTA XERAL DE 2021
Por outra banda, a Comisión para as relacións co Consello de Contas tamén aprobou esta mañá por unanimidade a Conta Xeral da Xunta correspondente a 2021, recoñecendo que Galicia cumpriu un ano máis cos obxectivos de déficit e de débeda pública recollidos no seu orzamento, “constatando que somos unha comunidade cumpridora e responsable no manexo dos fondos públicos”, subliñou Cristina Sanz.
A viceportavoz popular destacou, ademais, que a Conta Xeral amosa que a Xunta acadou unha execución do orzamento por enriba do 95 por cento, unha porcentaxe que chega ao 105 por cento no caso da gasto corrente. Todo iso, cun período medio de pago a provedores de 15 días, fronte aos 25 días de media das comunidades autónomas.