O Parlamento galego aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable por parte dos deputados socialistas, a través da que se insta ao Goberno central para que modifique o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e as leis dos Impostos sobre Sociedades, sobre a Renda de non Residentes e sobre o Patrimonio, ao fin de recoller entre as exencións deste imposto as axudas que sexan outorgadas a deportistas, adestradores, técnicos, árbitros ou xuíces de alto nivel polas administracións autonómicas.
O portavoz popular de Deportes, Pablo Prieto, explicou que na actualidade a modificación do artigo 7 da Lei 35/2006 do IRPF “beneficia so aos deportistas que reciben axudas de contido económico por parte do Consello Superior de Deportes, o Comité Olímpico Español, o Comité Paralímpico Español e a Asociación de Deportes Olímpicos polo que os deportistas galegos non poden acceder a esas vantaxes fiscais se so reciben axudas por parte da Xunta”.
“É unha cuestión que non debemos de deixar pasar por alto, polo que esiximos ao Goberno central sensibilidade e criterio para garantir a igualdade para os deportistas no conxunto do Estado, ademais dunha medida que garanta o pleno exercicio de competencia exclusiva que a Comunidade galega ten en relación co deporte”, indicou Pablo Prieto.
Na súa intervención, subliñou que “Galicia xa fixo os deberes neste ámbito” e lembrou a modificación lexislativa realizada en 2019 para establecer unha nova dedución na cota íntegra autonómica do IRPF referida ás axudas obtidas polos deportistas de alto nivel de Galicia da Administración galega”. Ademais, destacou que a Xunta realiza unha labor de acompañamento e protección integral e transversal cara os deportistas de alto nivel a través do Programa de Axuda ao Deportista, “que axuda aos deportistas tanto durante como despois da súa carreira deportiva a través de orientación, información e apoio en xeral.