O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se urxe ao Goberno central a adopción dunha serie de medidas de cara a afrontar a escaseza de profesionais médicos no sistema sanitario. En concreto, demándase que axilice o proceso de homologación de títulos dos profesionais sanitarios; modifique o sistema de elección de prazas MIR para acadar máis formación nas especialidades de medicina de familia e evitar prazas vacantes; acelere a incorporación das novas prazas acreditadas á oferta formativa; reforme o Estatuto Marco para elevar ata os 72 anos da idade máxima para o exercicio da profesión médica; e elimine a taxa de reposición, cando menos nos casos nos das especialidades consideradas como deficitarias polos distintos informes do Ministerio de Sanidade.
A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, lembrou que “a falta de médicos é o principal problema que sofre neste momento a sanidade, non só en Galicia, senón en España e boa parte do mundo”. “A consecuencia da inacción e das medidas erróneas adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez é un déficit de médicos de familia que afecta a toda España”, para o que considerou “preciso mudar varios aspectos que afectan distintas etapas dos profesionais de atención primaria, desde a súa formación ata a idade de xubilación, pasando pola homologación de títulos e a taxa de reposición”.
AVANCES ESTE VERÁN
Encarna Amigo sinalou que, gracias á presión realizada polas comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular, o Goberno central avanzou este verán na aprobación do Real Decreto polo que se crea a especialidade de médico de urxencias, aínda que non se poderán formar os primeiros especialistas ata o 2026, co que non estarán dispoñibles para a súa contratación ata 2030; e na flexibilización dos criterios de acreditación de centros e unidades para a formación de médicos residentes.
Así mesmo, a portavoz popular lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “mantén a súa negativa á solicitude das comunidades autónomas de que autorice a elevación aos 72 anos da idade máxima de xubilación, cando menos nas especialidades máis deficitarias”, ao tempo que considerou “imprescindible a homologación de títulos de médicos estranxeiros, que continúa bloqueada e con prazos de resolución que superan, en gran parte dos casos, os dous anos”.
Na súa intervención, Amigo destacou que “a Xunta leva tomado todas aquelas medidas que as súas competencias lle permitiron para intentar paliar o déficit de médicos especialistas en medicina familiar e comunitaria, medidas que cada vez que viñeron a este Parlamento non contaron nin unha soa vez co voto favorable nin do PSOE nin do BNG”. En concreto, salientou que estas medidas axudarán a que 0 84 por cento dos profesionais de medicina familiar e comunitaria que remataron a súa formación este verán en Galicia se queden traballando no Servizo Galego de Saúde.