O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio dos deputados socialistas, a través da que se insta ao Goberno de España a protexer os intereses do sector porcino de Galicia de cara a minimizar os potenciais danos que poidan resultar da investigación antidumping iniciada pola República Popular China, aplicando para elo as medidas recollidas no Regulamento sobre a organización común de mercados agrícolas para minimizar o impacto nun sector estratéxico en Galicia.
O deputado popular Enrique Barreiro explicou que “España mantense, desde hai anos, como o primeiro exportador mundial de produtos de porcino a China, por diante de Estados Unidos e Brasil”. No caso concreto de Galicia, existen 2.500 explotacións con arredor de un millón de animais, nas que están empregadas máis de 4.000 persoas.
Recentemente, China anunciou o inicio dunha investigación antidumping sobre as exportacións de carne de porco da Unión Europea, que continúa a liña de investigación xa aberta a un produto como o brandy. “Estas actuacións foron desencadeadas polo anuncio, a mediados do mes de xuño, de que a Unión Europea imporía aranceis ás importacións de vehículos eléctricos de batería de China, á que se acusa de beneficiarse de subvencións inxustas”, indicou o deputado popular.
“Esta situación desencadeou decisións por ambas partes, onde os sectores agroalimentarios afectados, sen ter culpa da situación, vense abocados a unha crise ao pechárselle a porta das exportacións a China”, lamentou.
Enrique Barreiro engadiu que “a demanda chinesa de carne porcina supón unha parte moi importante da nosa produción a pesar de que se reduciu de forma considerable nos últimos dous anos a medida que o xigante asiático foi recuperando a produción perdida tras a entrada da peste porcina africana no seu territorio”.