A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “a retirada da tarxeta básica, creada de xeito extraordinario para axudar ás familias a afrontar as situacións extraordinarias provocadas pola pandemia da Covid-19, supliuse cun incremento nun 30 por cento do orzamento da Xunta dedicado á inclusión”.
Raquel Arias lembrou que esta medida “so foi aplicada por dúas comunidades autónomas españolas: Andalucía e Galicia, á que se destinaron máis de 20 millóns de euros para paliar as deficiencias das familias galegas nun momento no que non podían saír das súas casas para traballar”.
Na súa intervención, criticou que “o que non axuda aos máis vulnerables é que o Goberno de Pedro Sánchez acabe de subir o IVE dos produtos básicos, negándose a baixar o do peixe, as conservas e a carne; que negue a Galicia o 50 por cento que lle corresponde da atención aos dependentes; que manteña bloqueada a Lei de familias desde hai máis de tres anos; que ten as autoestradas máis caras de España e os peores servizos ferroviarios; e que boicotea a instalación de empresas e a creación de postos de traballo”.
Fronte a esta situación, a portavoz popular destacou que “o presuposto da área de inclusión social da Xunta medrou un 30 por cento nos dous últimos anos, ata situarse hoxe nos 153 millóns de euros, a contía máis elevada destinada ata agora a esta finalidade”.
“Con estes cartos, a Xunta está a destinar 46 millóns de euros á Risga, 5 millóns de euros ás axudas de inclusión social e sufraga con 8 millóns o complemento autonómico das pensións non contributivas”, concretou.