O deputado do Grupo Popular Borja Verea avanzou hoxe no Parlamento de Galicia a “inminente” posta en funcionamento do Observatorio Turístico de Galicia, que dará continuidade ao traballo que xa vén desenvolvendo a Axencia de Turismo de Galicia, coa intención de ofrecer respostas á evolución das tendencias globais da actividade turística e reforzar a Galicia como destino turístico.
Borja Verea demandou que, unha vez posto en marcha este Observatorio Turístico de Galicia, se poña en marcha un proceso para divulgar o seu funcionamento e competencias entre os sectores implicados no turismo galego, de forma que podan beneficiarse do seu traballo e así cada un deles aportar as ideas e accións que estimen oportunas para a mellora da sostibilidade do turismo en Galicia.
Na súa intervención, o deputado popular agradeceu que “o BNG recoñecera o crecemento sostido que vive o turismo galego nos últimos anos, consolidándose como unha das actividades fornecedoras de emprego e cun peso crecente no PIB de Galicia”.
Porén, Verea criticou que estas afirmacións dos nacionalistas “non se parecen en nada as habituais mensaxes de masificación e turimofobia ás que nos teñen acostumbrados desde o BNG” e lamentou que “teñen un problema ideolóxico porque o que entenden por masificación turística realmente é unha socialización do turismo”.
“Ao mellor teñen que ter unha reunión de coordinación co BNG de Santiago, que en 15 meses se converteu no goberno municipal máis turismofóbico da historia, con políticas letais que atentan contra a esencia desta cidade e que, lamentablemente, xa empezan a ter efectos negativos”, indicou.