O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo demandou hoxe no Parlamento de Galicia a creación do cuarto xulgado de primeira instancia e instrución no Partido Xudicial de Carballo e criticou que o BNG “defendera a continuidade dos parches con persoal de reforzo ao rexeitar a proposta do Grupo Popular de pedir que se considere a Carballo como destino prioritario para reforzar con persoal funcionario nas prazas de nova creación para o vindeiro ano 2025”.
Rubén Lorenzo lembrou que no Partido Xudicial de Carballo “existe un incremento no número de asentos rexistrados, tanto en penal como en civil, un crecemento sostido no tempo e que está facendo que os tres xulgados de primeira instancia estean saturados, especialmente o número 1 que se encarga dos temas de violencia de xénero”.
Así mesmo, manifestou que “as plantillas dos xulgados de Carballo son acordes coas características dos órganos da mesma clase, pero, á vista dos datos estatísticos de entrada de asuntos, a Xunta de Galicia concedeu diversas medidas de reforzo”. “Porén, este reforzo non axudou a mellorar os datos dos xulgados, polo que reactivar ou prorrogar esta ampliación de persoal temporal, como está a pedir o BNG, non aportaría unha solución definitiva a esta situación e sería un parche puntual”, sinalou.
O deputado popular defendeu, en primeiro lugar, a creación dun novo xulgado de primeira instancia e instrución para o Partido Xudicial de Carballo. Ademais, apuntou que “en tanto non se amplíe a planta xudicial, e visto o resultado de que os reforzos temporais non son a solución, pedimos que nas prazas de nova creación para o vindeiro ano 2025 se considere a Carballo como destino prioritario para reforzar, xa con persoal funcionario, os xulgados existentes no Partido Xudicial”.