A deputada do Grupo Popular Carmen Pomar amosou hoxe “a nosa man tendida aos grupos da oposición para chegar a un pacto e a procura de consenso na tramitación da nova lei de servizo de medios públicos de comunicación de Galicia, unha vez inicie a súa tramitación democrática neste Parlamento galego”.
Carmen Pomar lembrou que a Xunta está a tramitar o anteproxecto de Lei de Servizos de Medios Públicos de comunicación audiovisual de Galicia, “unha lei que xurde para axustarse á nova lexislación estatal e europea, así como aos cambios tecnolóxicos e ás mudanzas no patrón de consumo audiovisual”. En concreto, dixo que esta iniciativa lexislativa é “transparente, participativo, plural e con sincera vocación de consenso na elección do director ou directora xeral da Corporación”.
BLÍNDASE A PLURALIDADE
Así mesmo, apuntou que esta Lei “mantén a elección dos integrantes do Consello de Administración, propostos polos grupos parlamentarios, por maioría cualificada de dous terzos do Parlamento de Galicia”. De non acadarse esa maioría, a votación repetirase nun prazo dun mes e abondará a elección por maioría de tres quintos, co que “blíndase a pluralidade do Consello de Administración e a súa elección por maioría reforzada”.
“Mentres en Galicia vese blindada a pluralidade e a elección do Consello de Administración por maioría reforzada, o Consello de Administración de RTVE poderá elixirse só por maioría absoluta das Cortes, cun reparto que prima ao PSOE e aos seus apoios no Congreso, de onde sairán 11 membros fronte aos 4 do Senado”, concretou a deputada popular.
Por último, Carmen Pomar incidiu en que “queremos, buscamos e alentamos o consenso na tramitación desta nova Lei galega, e está por ver que tanto BNG como PSdeG compartan este mesmo obxectivo, porque teñen convertido á CRTVG nunha ferramenta de confrontación permanente coa que atizar á Xunta”.