A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que os concellos galegos recibirán no 2025 a cantidade récord de 641 millóns de euros dos orzamentos da Xunta. “Ao mesmo tempo, o Goberno de Pedro Sánchez impón aos concellos máis cargas, como a suba da taxa do lixo, a xestión da retirada do amianto ou a Lei de benestar animal”, apuntou.
Paula Prado cuestionou que o BNG “estea a pedir máis fondos para os concellos galegos cando alí onde gobernan son incapaces de executar os seus propios orzamentos e de levar a cabo os investimentos previstos”. En concreto, sinalou que na Deputación de A Coruña o nivel de execución orzamentaria é de apenas un 9 por cento; na Deputación de Lugo, o nivel de execución é de pouco máis dun 27 por cento; e nos concellos do BNG o nivel de execución orzamentaria apenas supera o 50 por cento e, incluso, deixan cartos sen gastar, como acontece no caso de Ribeira ou Santiago.
INCREMENTO DOS FONDOS DUN 38%
Diante desta situación, a viceportavoz popular subliñou que o Goberno galego “apoia aos 313 concellos galegos na súa demanda dun financiamento municipal máis xusto e acorde cos servizos que prestan. “Proba disto é que desde 2009 os fondos autonómicos para os concellos se incrementaron un 38 por cento e no 2023 os concellos recibiron máis de 600 millóns de euros do Goberno galego, unha cifra que se incrementará ata os 641 millóns en 2025”, explicou.
Para rematar, Prado considerou “curioso que BNG e PSdeG critiquen ao Goberno galego por apoiar economicamente aos concellos, ao mesmo tempo que calan cando o Goberno de Pedro Sánchez lles impón máis cargas, como a suba da taxa do lixo ou os novos gastos derivados da xestión da retirada do amianto ou a aplicación da Lei do benestar animal”.
“Ademais, mentres o Goberno galego, a pesar de ser unha competencia municipal, fai unha aportación ao servizo de axuda no fogar de 12 euros por hora, o Goberno central pon só 2,5 euros cada hora”, rematou.