O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, pediu hoxe no Pleno do Parlamento galego a BNG e PSdeG que “abandonen o seu discurso catastrofista e pesimista sobre o sector agrogandeiro galego” e animounos “a defender e promover o noso rural, e construír un futuro no que a súa xente se sinta valorada, apoiada e, sobre todo, orgullosa de vivir e traballar na súa terra”.
No debate dunha iniciativa sobre a política de control da transmisión da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) no gando galego, Miguel Viso subliñou que “Galicia foi pioneira ao habilitar, a comezos de 2024, un sistema de indemnizacións por animais falecidos, calculándose os baremos en función do Real Decreto 389/2011 que establece as compensacións por sacrificio en programas nacionais para enfermidades como a lingua azul, tuberculose e outras patoloxías”.
“A Xunta ampliará estas subvencións para 2024 e as explotacións que xa recibiran indemnizacións recibirán agora a diferenza con respecto aos novos importes establecidos, onde a compensación por morte de bovinos poderá alcanzar os 1.500 euros por animal”, apuntou. Así mesmo, Viso engadiu que ofreceranse axudas para tratamentos veterinarios e desinsectantes a todas as explotacións afectadas.
O portavoz popular manifestou que “esta é a axuda máis ambiciosa das convocadas polas comunidades autónomas, xa que cubrirá o censo completo de bovinos de cada explotación e non só os afectados pola enfermidade”.