O Partido Popular de Galicia acusa aos responsables do BNG e do PSdeG de “quedar en evidencia” sostendo a Pedro Sánchez no poder “a pesar dos seus cambios de opinión e os seus desprezos a Galicia” en cuestións como o financiamento singular para Cataluña ou o traspaso da AP-9.
A secretaria xeral do partido, Paula Prado, deixou hoxe en evidencia nunha rolda de prensa os momentos “onde dixen digo, digo Diego” protagonizados polo PSOE galego e Gómez Besteiro nos últimos meses, pasando de dicir que “o cuponazo catalán non pon en dúbida o principio de igualdade entre os españois” a, tres meses despois, rexeitalo “por non ser solidario”.
O último destes cambios de opinión deuse, como explicou, esta mesma semana e está relacionado coa tramitación da transferencia da AP-9 no Congreso, onde PSOE e BNG “seguen aliados en bloqueala” a pesar de que o pasado 25 de setembro o Parlamento de Galicia aprobou por quinta vez, e por unanimidade, a reclamación do traspaso da titularidade desta autoestrada.
“Os representantes do PSOE e Sumar –socios do BNG– na Mesa do Congreso avogaron por prorrogar por duodécima vez o debate da transferencia”, criticou Paula Prado cualificando o acontecido de “broma de mal gusto” á que, na súa opinión, habería que engadir a “tremendamente baixa vontade política” verbalizada a este respecto polo ministro Óscar Puente.
Esta prórroga e a nula vontade do Goberno central por facer realidade esta demanda histórica de Galicia supoñen así mesmo “o incumprimento da promesa electoral do PSOE, ao que só lle interesou a transferencia cando había que buscar votos”. De feito, o propio Executivo anunciou esta semana que vai estudar a eliminación de peaxes en tres autoestradas de Madrid, Ávila e Segovia “mentres en Galicia, coma sempre, a súa opinión é outra”.
“Desde o PPdeG seguiremos defendendo o traspaso e a gratuidade da AP-9, e tamén da AP-53, as máis caras de España”, concluíu a número dous dos populares galegos poñendo en valor a recente decisión do Goberno galego de liberalizar catro autovías autonómicas.
GALICIA SEGUE FUNCIONANDO
Para Paula Prado o debate do Proxecto de lei de orzamentos xerais de Galicia para o 2025 o próximo luns será a constatación de que “Galicia segue funcionando”, xa que a nosa Comunidade “seguirá o camiño para aprobar un ano máis, e xa van 16 de forma consecutiva, as contas en tempo e forma”.
Destacou que se trata dos Orzamentos “máis altos da Historia”, con case 14.000 millóns de euros dos que “3 de cada 4 euros destínanse a gasto social”. Ademais, triplícanse os orzamentos destinados a vivenda pública, refórzase o apoio aos concellos –cun aumento de 30 millóns de euros, ata os 641 millóns– e impúlsanse as rebaixas fiscais.