O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a seguir reforzando o programa Xuventude Mentoring e o Programa Xuventude Mentoring na Empresa, co obxectivo de continuar apoiando a transición da mocidade galega do ámbito académico ao laboral.
A portavoz popular de Xuventude, Nicole Grueira, cualificou como “unha ferramenta eficaz e transformadora” o programa Xuventude Mentoring, que desde a súa posta en marcha en 2021 permitiu que máis de 750 mozos e mozas melloraran as súas habilidades prácticas e as súa perspectivas laborais, ao tempo que facilitou que 140 mozos e mozas participaran en estadías formativas en empresas.
“O 30 por cento deses participantes no programa conseguiron a súa inserción no mercado laboral, unha porcentaxe importante pero que o Goberno galego quere incrementar ata o 50 por cento realizando maiores investimentos neste programa de emprego xuvenil”, manifestou.
PROGRAMA PIONEIRO
Xuventude Mentoring é un programa pioneiro, promovido polo Goberno galego e dirixido ás persoas mozas que están inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. “O seu obxectivo é axudar ás persoas máis novas a mellorar a súa empregabilidade, mediante accións como poden ser as de formación, orientación e mentoría, converténdose nunha ponte entre a vida académica e a vida laboral”, sinalou Nicole Grueira.
Este programa conta cunha versión adaptada ao ámbito empresarial, Xuventude Mentoring na Empresa, que permite ás persoas participantes realizar estadías formativas en empresas ou entidades galegas públicas ou privadas vinculadas a sectores estratéxicos, ofrecéndolles unha experiencia práctica e directa no mundo laboral, e favorecendo o contacto co tecido empresarial. Durante este período, os participantes reciben unha bolsa de formación dun mínimo de 661,50 euros ano mes, que pode incrementarse con axudas para desprazamentos ou en casos de discapacidade.