O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que teña en conta as alegacións presentadas ante as resolucións da Secretaría Xeral de Pesca sobre os recortes para as pesquerías do abadexo e da raia.
O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, lembrou que “as propias confrarías tacharon de burla ao sector a postura do Ministerio sobre as capturas de abadexo e raia, froito das nefastas negociacións do Goberno de España no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, nas que sempre priman as políticas ambientais sobre a subsistencia das comunidades pesqueiras”.
Neste sentido, sinalou que “se tiveran en conta a nosa proposta a frota galega non estaría nos apuros nos que se atopa a conta da exigua cota que se fixou para o abadexo este ano e o que ven en augas ibéricas: 70 toneladas, que se quedaron en 55,6 ao descontar as 14 toneladas que se pescaron de máis en 2023”.
Fidalgo lembrou que “desde o Partido Popular consideramos que o abadexo non debería estar sometido ao réxime de totais admisibles de captura e cotas, como tampouco o linguado, a maruca, o merlán ou a solla”.
COTA DA RAIA
Respecto da pesquería da raia, o portavoz popular explicou que as alegacións parten da cota inicial de 1.724 toneladas para as zonas 8 e 9 da augas da Unión Europea, 17 toneladas máis que na campaña pasada, pero cunha reserva do 2 por cento para evitar posibles rebasamentos ou para utilizala en intercambios con outros estados membros.
“Consideramos que reservar un 2 por cento nunha especie que xa ten unha cota inicial moi limitada, uns topes de captura reducidos e incluso unha cota de captura en modo accesorio para a raia mosaico non resulta axeitado nin proporcional, especialmente se a pretensión é utilizala para intercambios”, indicou Miguel Fidalgo.