O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG e do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que manteña a presenza da Garda Civil en todos os cuarteis de Galicia, mesmo estudando a posibilidade de reapertura daqueles clausurados nos últimos anos, e dote de máis medios persoais e materiais que garantan a atención presencial as 24 horas do día.
A través desta iniciativa parlamentaria tamén se pide executar un plan integral destinado á construción, renovación, mellora e ampliación dos acuartelamentos da Garda Civil no medio rural galego; crear os instrumentos e protocolos, negociados cos concellos, para que de forma práctica e efectiva se incremente a cooperación da Garda Civil coa Policía Local; reforzar de maneira urxente, con medios materiais e humanos, os postos da Garda Civil en todas aquelas zonas que carecen de Policía Local; e ocupar a totalidade das prazas que aparecen definidas no catálogo de postos de traballo das distintas provincias galegas e que están vacantes na actualidade, elaborando incentivos profesionais e económicos para que os axentes queiran ocupar os postos de baixa demanda no medio rural.
A viceportavoz popular, Paula Prado, lamentou que “nos atopamos nun contexto no que, segundo os últimos datos do Ministerio do Interior, en Galicia incrementáronse as agresións sexuais con penetración, os roubos con intimidación e os roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións”.
GARANTIR UNHA PRESENZA PERMANENTE
Diante desta situación, “o lóxico sería que o Goberno central garantise unha presencia permanente dos efectivos das forzas de seguridade as 24 horas do día, os 365 días do ano e en todo o territorio: desde as grandes cidades ata os concellos máis pequenos”, manifestou. Porén, criticou que “a situación é máis ben a contraria: nin hai efectivos suficientes, nin hai unha atención permanente, nin se garante a seguridade por igual en todo o territorio”.
No caso concreto da Garda Civil, Paula Prado explicou que “é responsable da seguridade cidadá de 300 dos 313 concellos de Galicia, é dicir, son responsables de máis dun 95 por cento da poboación, para o que deberíamos contar con máis de 5.000 efectivos, pero na realidade contamos con pouco máis de 4.000 efectivos”.
“Para facer fronte a esta situación hai dúas posibilidades: ou se aumentan os efectivos para poder dar máis servizos ou se recortan servizos para poder prestalos con menos efectivos”, indicou a portavoz popular, quen criticou que “os Goberno de Pedro Sánchez se decidiu pola segunda vía: recortes pechando os postos auxiliares en sete concellos galegos, como Somozas, Cariño, Touro, A Pobra, O Incio, Sober e Baltar; e recortes reducindo os horarios de atención presencial nos cuarteis, coa nova moda de abrir só de 9 a 14 horas”.