O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG, a través da que se demanda a posta en marcha de novas accións de emprendemento como un xeito de afrontar o reto demográfico e fixar poboación no territorio, ademais de dirixirse ao Goberno central para reclamarlle os fondos necesarios relativos ao financiamento do custo do Centro de orientación ao emprendemento de Galicia, comprometidos nunha reunión sectorial celebrada con todas as comunidades autónomas.
A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, afirmou que “unha das mellores formas para facer fronte aos retos de crear emprego de calidade en Galicia, asegurando a competitividade e a viabilidade do tecido deportivo e comercial, é seguir traballando a prol do colectivo autónomo, que representa o 19 por cento do noso tecido produtivo, tres puntos por enriba da media nacional”.
Noelia Pérez manifestou que “o impulso ao emprendemento en Galicia é un xeito de fixar poboación no rural, polo que o obxectivo desta iniciativa parlamentaria é que a Xunta siga impulsando accións para favorecer o emprendemento e reclamar ao Goberno de España que cumpra co seu compromiso de financiar o Centro de Orientación ao Emprendemento”.
Na actualidade, a Comunidade galega conta con 15 polos de emprendemento onde se identifican as necesidades e oportunidades para emprender que presenta cada un dos territorios, onde se detectan as actividades económicas con potencial que xorden en cada territorio e onde se fomentan os proxectos que permitan desenvolver novos sectores innovadores da man dos traballadores dos polos que acompañan e asesoran ao galegos que teñan unha idea de negocio.