O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, considerou hoxe no Pleno do Parlamento galego “precipitado” prolongar a moratoria para novas plantacións de eucalipto ata 2030 “sen considerar os resultados do Inventario Forestal Continuo nin avaliar as repercusións reais no sector”. Así mesmo, salientou que a Xunta destinará o vindeiro ano máis de 15 millóns de euros para silvicultura adaptativa e produtiva en coníferas e frondosas, “o que reflicte a prioridade do Goberno galego de eliminar progresivamente o eucalipto en áreas non axeitadas e cumprir cos obxectivos do Plan Forestal de Galicia 2021-2040”.
“As decisións sobre o eucalipto no monte galego deben tomarse con seriedade, serenidade e baseándose na realidade”, incidiu o portavoz popular, quen afirmou que “nós cremos nun monte que estea ordenado, que xere riqueza e postos de traballo e que sexa eficiente cara á neutralidade carbónica a alcanzar no ano 2040”.
FONTE DE INGRESOS
Miguel Viso indicou que “falamos do eucalipto como unha fonte de ingresos moi importante para o rural galego e a nosa obriga é garantir un equilibrio entre economía e ecoloxía”. Deste xeito, asegurou que “seguiremos garantindo que o monte galego xere riqueza sen comprometer o medio ambiente nin a biodiversidade”.
Na súa intervención, concretou que Galicia conta na actualidade cunha superficie de 1,5 millóns de hectáreas arboradas, das que 413.000 son de eucalipto, 429.000 son de coníferas e 635.000 son de frondosas. “Nos últimos catro anos incrementamos en 10.400 hectáreas as masas de frondosas e coníferas, destinando máis de 32 millóns de euros en axudas, como resultado das medidas para reducir gradualmente o eucalipto en zonas sensibles como espazos protexidos, augas, patrimonio cultural e áreas costeiras”, apuntou.
O portavoz popular manifestou que “a Xunta xa está levando a cabo un plan sólido e efectivo de reconversión forestal, no que destacan actuacións como a prohibición de novas plantacións en montes públicos; priorizar a conversión de terreos con eucaliptos cara a especies autóctonas de maior valor ecolóxico e produtivo; a planificación en xestión pública e privada, asegurando unha ordenación forestal equilibrada; e a integración no Plan Forestal de Galicia 2021-240, incrementando coníferas e frondosas autóctonas, mellorando a xestión das plantacións existentes e diversificando os usos do monte”.