A Comisión 3, de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia rematou esta mañá a elaboración dos ditames do proxecto de Lei de orzamentos da Xunta para o vindeiro 2025 e do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, co que ambos textos quedan pendentes da súa aprobación definitiva na vindeira sesión plenaria.
O portavoz popular, Alberto Pazos, manifestou que o debate en ponencia e comisión das emendas realizadas polos diferentes grupos parlamentarios “demostrou que existen dous modelos diferenciados de entender a política”. Así, criticou que BNG e PSdeG “presentan emendas para despois inventar números para darlles respaldo orzamentario, porque creen que os ingresos deben responder á expresión dun desexo e, como lles fan falta máis cartos para as súas promesas, os pintan nos orzamentos”.
XESTIÓN SERIA E RAZOABLE
Deste xeito, sinalou que gobernar é facer “unha xestión seria e razoable, e non unha expresión de desexos”, polo que cuestionou “por que o BNG propón un incremento dos ingresos de 255 millóns de euros e o PSdeG aumenta esta cifra ata os 513 millóns de euros, cando podían ter pintado nos orzamentos unha suba de 2.000 millóns de euros para facer fronte á débeda que nos deixaron cando gobernaban”.
“Desde o Goberno do PPdeG levamos moitos anos levando adiante un traballo serio, con cálculos rigorosos e boa xestión, e estaría ben que nalgún momento a oposición se molestara en facer unha proposta crible e que se poida comparar realmente co proxecto do PPdeG”, sinalou.
VIVENDA, TURISMO E EÓLICO
Respecto do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, o viceportavoz popular, Julio García Comesaña, salientou, entre outras medidas, que permitirá impulsar novas actuacións para favorecer a incorporación de vivenda ao mercado, a través da equiparación dos locais comerciais a vivendas para os efectos de aplicar as deducións fiscais na modalidade de transmisións patrimoniais, así como apoiar as políticas de vivenda protexida, de xeito que o custo delas sexa o menor posible.
Outra das medidas incorporadas nesta lei é a regulación para a implantación do imposto galego sobre as estadías turísticas, facilitando aos concellos que pretendan establecer esta recarga todos os elementos precisos para levalo adiante. Esta modificación non terá impacto económico nos orzamentos da Xunta, xa que estará bonificado ao 100 por cento por parte da administración tributaria galega.
Por último, o proxecto de Lei de medidas afectará á regulación do canon eólico ao modificar a base impoñible e o tipo de gravame a consecuencia da redución do número de aeroxeneradores polas repotenciacións previstas e, en especial, ás afeccións visuais derivadas da súa altura.