O PPdeG quixo hoxe recoñecer a Enrique Sotelo como o mellor alcalde da historia de Cangas e poñer en valor o seu traballo e esforzo, así como o seu exemplo de compromiso político durante os 3 mandatos que liderou.
Na comida de Nadal organizada hoxe polo partido en Cangas, a secretaria xeral do partido, Paula Prado amosouse convencida de que ao partido local tamén lle irá moi ben nesta nova fase. Non en balde, engadiu, o Partido Popular conta sempre con equipos fortes, unidos e compostos polos mellores.
A número dous dos populares galgos lamentou que, a pesar de que os cangueses saiban ben o que é ter un bo alcalde como foi Enrique Sotelo, hoxe teñan que padecer o que xa é unha tónica habitual dos gobernos conformados por pactos de perdedores: ser máis coñecidos polos seus escándalos que pola súa acción de goberno.
Unha situación protagonizada por quen se dedica a discutir en vez de a gobernar e que bloquean en vez de actuar. Tal e como acontece, engadiu, nun Goberno central cuxo día a día está marcado polos escándalos, a degradación institucional, as negociacións entre bambalinas e a imposibilidade de aprobar uns orzamentos.
Prado mostrouse moi critica con que o socialismo galego e o nacionalismo calen ante isto e ante os agravios de Pedro Sánchez a Galicia. Por sorte, engadiu, os galegos e galegas xa dixeron en febreiro que non compartían todo isto e volveron confiar no único partido centrado en defender os intereses de Galicia por riba de todo: o PPdeG, liderado por Alfonso Rueda.
Así mesmo, dixo estar segura de que o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, visitará pronto este concello como presidente do Goberno de España: “Os que estamos hoxe aquí sabémolo, tamén o di unha enquisa publicada hoxe, e para el tamén van moitos ánimos”.
Concluíu lamentando que, mentres o PP celebra estes días avance de Galicia, exemplificado en concellos coma Cangas, haxa algúns, liderados polo BNG, que queren volver ao pasado: “Quero reivindicar que sen industria e sen emprego, sempre respectando o noso medio ambiente, o futuro de Galicia non será próspero”.