O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, reiterou hoxe no Pleno do Parlamento galego a solicitude para que “Galicia teña a competencia para que os seus avisos meteorolóxicos teñan validez oficial, polo que imos seguir reclamando ao Estado o traspaso das facultades en materia de meteoroloxía, porque é un servizo vital para a cidadanía”. “Agardamos que o Goberno central proceda a esta transferencia porque, de non ser así, tramitaremos unha lei propia de meteoroloxía”, avanzou.
Gonzalo Trenor subliñou que Meteogalicia “está considerada como unha das axencias máis importantes e punteiras no seu campo”. En concreto, dixo que este servizo meteorolóxico “emprega intelixencia artificial e está constituído por 160 estacións, case o triplo que AEMET, ademais de contar cun radar meteorolóxico”.
“Polo tanto, as predicións e avisos de Meteogalicia e o resto de ferramentas das que dispón este servizo permítenos anticiparnos aos fenómenos meteorolóxicos adversos que afectan á saúde das persoas, como as vagas de calor, inundacións ou incendios”, manifestou.