O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se reclama ao Goberno central que transfira á Xunta as cotizacións por formación profesional que realizan os traballadores autónomos que tributan no IRPF.
“Esta medida non só se aliñaría coas competencias xa asumidas pola Administración galega, senón que permitiría unha xestión máis próxima, adaptada e útil duns fondos que actualmente non compren a súa finalidade”, indicou a portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez.
Na súa intervención, Noelia Pérez explicou que en Galicia cotizan á Seguridade Social por formación arredor de 160.000 autónomos, o que supón unha aportación de máis de 1,8 millóns de euros.
“Coa entrada en vigor do novo sistema de cotización por ingresos reais, mudou a situación e todo aquel que estivera dado de alta no ano anterior no RETA estará obrigado a presentar a declaración da renda ante a Axencia Tributaria”, sinalou.
Deste xeito, na actualidade o Estado recada máis de 6,5 millóns de euros por este concepto dos autónomos galegos “que non se está investindo en formación”.
“Entra dentro da lóxica que a Xunta xestione ese 0,1 por cento das cotizacións por formación profesional das persoas autónomas galegas que tributan no IRPF, porque é a Administración máis adecuada para xestionar estes fondos, xa que está en contacto directo coas necesidades do territorio e ten experiencia na planificación e na execución de políticas formativas”, manifestou.
Ademais, a portavoz popular indicou que esta transferencia “permitiría que Galicia tivese un maior control sobre os recursos dedicados á formación profesional, mellorando a súa xestión e reducindo a burocracia cunha xestión máis áxil, eficaz e directa, evitando duplicidades e demoras”.