O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Goberno de España que habilite os procedementos necesarios para que as empresas que desexen poidan patrocinar actividades turísticas ao abeiro do Xacobeo 2027. Neste sentido, portavoz popular de Turismo, Borja Verea, pediu explicacións ao PSdeG pola negativa do Goberno de Pedro Sánchez a admitir a trámite esta proposta nas Cortes Xerais.
Borja Verea lembrou que “xa é a terceira vez que debatemos esta iniciativa no Parlamento de Galicia” e agradeceu aos grupos da oposición “a unanimidade no apoio a esta solicitude, porque iso representa unha mensaxe conxunta que se envía ao Goberno do Partido Socialista en Madrid, pero agora queda se traduza en efectos prácticos para que as empresas interesadas poidan comezar a colaborar coa organización do vindeiro Xacobeo 2027”.
OUTRAS VÍAS Á MARXE DOS ORZAMENTOS
Porén, o portavoz popular manifestou que este debate “tamén é unha oportunidade para que os deputados socialistas aquí presentes nos expliquen por que desde o Goberno central non se procede a activar esta declaración do vindeiro Xacobeo como
Acontecemento de Excepcional Interese Público, logo de que esta proposta fora rexeitada polos socialistas nas Cortes Xerais”.
“Esta proposta debería vir recollida nos orzamentos do Estado para o presente ano, pero, polo que se ve, o Partido Socialista non ten capacidade para tramitar estes presupostos”, lamentou Borja Verea, quen explicou que “de ter interese en conceder esta declaración, o Goberno de Pedro Sánchez pode activalo a través de calquera outro instrumento legal”.
Verea lembrou que o pasado Xacobeo 2021-22 contou coa colaboración de arredor de 40 empresas, que fixeron aportacións a través destes beneficios fiscais de máis de 28 millóns de euros.