O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta a Xunta de Galicia a seguir intensificando as axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais. “Trátase de seguir apostando por un programa que funciona, ben valorado no rural, e de conseguir que cada vez máis profesionais e máis empresas se acheguen, decidan e aposten polo rural para desenvolver as súas actividades e evitar así o despoboamento que tanto nos preocupa”, sinalou o deputado popular Enrique Barreiro.
O Plan Marco para o mantemento dos camiños e estradas rurais contará para os anos 2024 e 2025 cun orzamento de 19,5 millóns de euros, un 16 por cento máis que nas anteriores convocatorias.
ABERTO A TODOS OS CONCELLOS
Enrique Barreiro explicou que “este plan está aberto a todos os concellos galegos, sempre que teñan remitidas ao Consello de Contas os orzamentos do último exercicio e estean ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social. As actuacións subvencionables van desde a ampliación e incremento da seguridade dos camiños; o reforzo do firme existente e a drenaxe; e tamén todos aqueles traballos de mantemento dos viais.
“A mellor forma de asentar poboación no rural é asegurar unha boa calidade de vida e facilitar a posibilidade de desenvolverse laboralmente, para o que se requiren unhas axeitadas vías de comunicación”, indicou o deputado popular.