O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do BNG, a través da que se demanda ao Goberno de España o desenvolvemento de medidas dirixidas a reducir a sinistralidade asociada ao envorco de tractores agrícolas, co obxecto de garantir a seguridade e o benestar dos profesionais e avanzar cara unha agricultura máis segura e sostible.
O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Viso, lembrou que, segundo os datos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), máis do 60 por cento das mortes por accidentes de tractor están relacionadas con envorcos. En concreto, en 2024 rexistráronse en Galicia 74 accidentes laborais relacionados co tractor, mentres que os accidentes non laborais ascenderon a 39.
MEDIDAS A ADOPTAR
Miguel Viso explicou que “para previr estes accidentes e minimizar o seu impacto é fundamental fomentar a modernización do parque de tractores agrícolas, co impulso de axudas para a renovación de tractores antigos; desenvolver campañas de sensibilización e formación para concienciar sobre os riscos do envorco e a importancia do uso de medidas de seguridade; reforzar a obrigatoriedade de inspeccións técnicas periódicas en tractores; e establecer incentivos económicos para os agricultores que incorporen sistemas de protección nos seus tractores”.
Neste sentido, considerou “fundamental reforzar as campañas de sensibilización e formación; avanzar na modernización do parque de maquinaria agrícola; ampliar as accións formativas, tanto para agricultores en activo como para estudantes de formación profesional e obradoiros de emprego; e intensificar a colaboración entre o Issga e a Dirección Xeral de Tráfico”.
“A nosa meta é clara: unha agricultura máis segura e sostible”, sinalou o portavoz popular, quen asegurou que “a prevención funciona porque a tecnoloxía, a formación e a concienciación son armas poderosas contra os accidentes”.