Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso, Ángel Rodríguez e Raúl Santamaría veñen de celebrar reunións coas comunidades de montes en man común de Couselo e San Mamede de Piñeiro, pertencentes ao distrito forestal Caldas-O Salnés e destacaron a importancia destas entidades na prevención e loita contra os incendios forestais.
Os deputados populares recolleron as demandas dos representantes destas comunidades de montes relacionadas coa prevención dos incendios forestais, entre as que figuran medidas dirixidas á xestión da biomasa en zonas estratéxicas e a creación e mellora das infraestruturas preventivas, como devasas, pistas forestais ou puntos de auga, entre outros.
Ademais, Miguel Viso, Ángel Rodríguez e Raúl Santamaría recoñeceron a importancia do monte veciñal na creación de emprego a nivel local a través do traballo que supón a transformación industrial dos recursos que ofrece o bosque galego. “O obxectivo non é so mellorar a explotación forestal e a da biomasa, senón compatibilizar estas accións cos outros usos, como o aproveitamento gandeiro, a produción de froitos do bosque ou a potenciación de zonas recreativas e rutas de sendeirismo que afonden no coñecemento da nosa contorna”, manifestaron.
Máis de 700.000 hectáreas da superficie de Galicia corresponden a monte veciñal en man común, xestionadas por 2.800 comunidades de montes. “Esta situación revela a importancia que esta figura ten non só como sinal de identidade e da cultura da Comunidade galega, senón tamén como un claro indicador económico e produtivo”, salientaron.