O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, asegurou hoxe que a Xunta “manterase vixiante”, especialmente na vertente agrogandeira, no cumprimento do acordo de libre comercio entre Mercosur e a Unión Europea, pero avogou por “aproveitar o prestixio dos nosos produtos para afrontar as novas posibilidades de cooperación con estes países ao outro lado do Atlántico”.
“O acordo entre a UE e Mercosur é un importantísimo paso para que Europa comece a mirar cara a América do sur como un socio prioritario, asegurando non só a apertura de novos mercados para os nosos produtos e o acceso a materias primas clave para o desenvolvemento dunha industria sostible, senón tamén abrir novas posibilidades de cooperación con estas países e de crecemento e expansión para os nosos socios americanos”, sinalou.
MEDIDAS DE CONTROL ESTRITAS
Miguel Viso recoñeceu que “existen preocupacións lexítimas no sector agrogandeiro sobre a competencia de produtos procedentes de países con estándares produtivos diferentes aos europeos”, pero asegurou que “desde a Xunta non se vai permitir que os nosos gandeiros e agricultores compitan en condicións desiguais”. Así, avanzou que “dentro das nosas competencias, impoñeremos medidas de control estritas para garantir que todos os produtos que entren en Galicia cumpran coa normativa europea, ao tempo que esixiremos ao Goberno de España que reclame a implantación das chamadas cláusulas espello, para que ningún alimento importado desde Mercosur poida venderse aquí sen respectar os mesmos estándares de calidade, seguridade e benestar animal que se lles esixen aos nosos”.
En concreto, o portavoz popular indicou que “poremos especial atención ao control da sanidade animal e vexetal, implementando probas específicas para detectar patóxenos, residuos de fármacos e fitosanitarios prohibidos na Unión Europa”. “E tamén seremos esixentes no etiquetado, garantindo que os consumidores poidan identificar con claridade a procedencia dos alimentos e os seus compoñentes”, anotou.
“O noso punto forte é o prestixio dos nosos produtos, porque conseguimos que o consumidor identifique con calidade todas as materias primas e alimentos que saen de Galicia”, salientou Viso.
Ademais, referiuse á cláusula de salvagarda existente no acordo da UE con Mercosur, en virtude da cal poderase suspender temporalmente a concesión de forma unilateral en caso de que estas importacións provoquen, ou simplemente ameacen, cun dano grave aos sectores agrogandeiros europeos.