A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, subliñou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “máis do 70 por cento dos galegos teñen cita en menos de catro días no seu médico de cabeceira” e criticou que no BNG “sigan instalados no seu catastrofismo respecto á situación da sanidade galega, cando a realidade é teimuda e unha vez máis mostra que temos un Goberno sólido que planifica e pensa na saúde dos e das galegas”.
Encarna Amigo manifestou que, “nun contexto de déficit de profesionais médicos en toda España, conseguiuse atender o incremento da demanda deste inverno, garantindo unha prestación sanitaria de calidade no conxunto de toda a Comunidade galega”.
“Gracias á mobilización de 8 millóns de euros, a Xunta foi quen de reforzar os recursos humanos e materiais nos centros sanitarios, garantindo en todo momento a atención sanitaria a todos os galegos”, salientou.
MÁIS DE 40.000 PROFESIONAIS
A portavoz popular explicou que o Servizo Galego de Saúde conta con máis de 40.000 profesionais, así como 463 centros de saúde e dous CIS, ao que se sumará proximamente o Olimpia Valencia de Vigo, “que garanten a atención sanitaria as 24 horas do día os sete días da semana aos galegos, tanto ordinaria como urxente nos PACs”.
“Somos conscientes de que os sistemas sanitarios se enfrontan a novos retos e son precisas reformas estruturais para garantir un sistema sanitario sostible”, indicou Encarna Amigo, quen destacou que “por iso en Galicia temos un Goberno responsable que pensa en dar as respostas necesarias á saúde dos galegos: unha sanidade punteira, que está en constante crecemento, pensando sempre nas necesidades que precisa a sociedade e coas nosas peculiaridades específicas”.