O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “mentres en 2024 aumentou en Galicia a produción de leite nun 2,34 por cento, superando os tres millóns de toneladas, no resto de España o incremento reduciuse ao 1 por cento”. “Este incremento prodúcese a pesar da redución no número de explotacións, o que evidencia unha maior eficiencia e profesionalización das nosas granxas”, indicou.
Miguel Viso destacou o traballo que realiza a Xunta respecto do sector lácteo galego, “activando mecanismos para garantir a súa estabilidade e a sustentabilidade, con medidas concretas, datos verificables, orzamentos e resultados».
En concreto, o portavoz popular referiuse ao Observatorio do Sector Lácteo de Galicia; á unidade específica de inspección, que funciona desde o ano 2022; o respecto ao cumprimento da lei para que haxa equidade e que os contratos se formalicen con condicións claras e xustas; e a obriga de que os prezos se establezan en base a criterios obxectivos e verificables a través da Lei da cadea alimentaria.
Así mesmo, Viso citou “outras medidas postas en marcha e que están funcionando, como a Lei de recuperación da terra agraria; os plans de axuda á remuda xeracional, que facilitou a incorporación de máis de 5.200 mozos nos últimos 15 anos; os incentivos para os novos gandeiros; o banco de explotacións, para garantir a continuidade das granxas; o proxecto Smartz4milk, para impulsar a transformación do sector lácteo; a ferramenta Conta Láctea, para facilitar ás explotacións de vacún de leite o cálculo dos seus custos de produción; a aplicación Enerlácteo, para optimizar os custos enerxéticos das explotacións; ou os plans de titorización, con asesores públicos para acompañar aos mozos que se incorporen ás explotacións.