O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra dos deputados socialistas, a través da que se demanda ao Goberno de España que defenda ante a Comisión Europea a exclusión total do atún do Acordo de Libre Comercio con Tailandia e, por tanto, do proceso de liberalización arancelaria, así como o establecemento de normas sólidas e equitativas que garantan a igualdade de condicións entre Tailandia e a Unión Europea que evite a competencia desleal en todos os produtos pesqueiros.
O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, explicou que a Unión Europea e Tailandia están ultimando as negociacións para a sinatura dun acordo de libre comercio, que podería pecharse a mediados do presente ano 2025. O obxectivo deste acordo é impulsar o comercio e o investimento, así como a eliminación de obstáculos ao comercio dixital e ao comercio de enerxía e materias primas, apoiando así as transicións dixital e ecolóxica.
POUCA TRANSPARENCIA
“O avanzado estado das negociacións comerciais e a pouca transparencia en canto a información preocupan á industria transformadora de conservas de peixe e marisco en Galicia”, sinalou o portavoz popular. Tailandia, cunha produción superior a 550.000 toneladas segundo os datos da FAO, é o principal produtos e exportador mundial de conservas de atún, tendo unha boa cota do mercado da Unión Europea.
Porén, a ausencia de frota propia, cunhas capturas de atún enteiro tailandesas inferiores a 4.000 toneladas anuais, fai pensar que Tailandia teña que realizar unha importación masiva de peixes onde existen serias dúbidas do cumprimento en materia de pesca ilegal ou sanitaria, e tamén en materia de dereito ao traballo. Esta situación conlevaría que estean a utilizar materias primas que non serían aptas na Unión Europea e implicando unha rotura da igualdade de condicións coas empresas europeas.
Miguel Fidalgo manifestou que “un acordo de libre comercio entre a UE e Tailandia que supoña unha apertura do mercado comunitario aos produtos do atún sería un golpe letal para a industria galega e española de peixe e marisco”, polo que “resulta fundamental que a Comisión Europea esixa a exclusión total do atún deste proceso de liberalización arancelaria e o establecemento de normas sólidas e equitativas que garantan a igualdade de condicións entre Tailandia e a Unión Europea que evite a competencia desleal”.