A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, amosou hoxe no Pleno a disposición da Xunta a aumentar os recursos humanos na área de saúde mental no sistema público de Galicia, ata acadar a finais de 2026 a media de profesionais de España, “sempre que existan profesionais dispoñibles para súa contratación”.
Encarna Amigo salientou que “Galicia está facendo un esforzo sostido por reforzar a atención á saúde mental, tanto no eido administrativo, coa creación dunha subdirección específica de Atención á Saúde Mental na Consellería de Sanidade, como no incremento de recursos e profesionais para a atención aos pacientes”.
En concreto, referiuse á creación de 244 novas prazas, das que xa están cubertas máis do 90 por cento, o que permite que a media diaria de profesionais da saúde mental en Galicia sexa hoxe de 557, case o dobre das que había en 2009. “Ademais, pasamos dos 7,4 psiquiatras por cada 100.000 habitantes no 2019 a 8,6 na actualidade”, apuntou.
Dentro do ámbito da formación, incrementáronse un 38,46 por cento as prazas para profesionais de psiquiatría, dobráronse as prazas para psicoloxía clínica e multiplicouse por 10 a oferta de prazas formativas para enfermería especialista en saúde mental.
“Fomos pioneiros co desenvolvemento dun Plan de Saúde Mental 2020-2024, que supuxo a creación de novas unidades de saúde mental, a unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil do Álvaro Cunqueiro, os hospitais de día infanto-xuvenís en todas as áreas sanitarias ou as novas unidades de psicoxeriatría e primeiros episodios psicóticos de A Coruña”, subliñou.