O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do BNG nin do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central a recuperación do 100 por cento da bonificación polas baixas de maternidade, limitada polo Goberno socialista en 2023 a só 366 euros. “Esta nova regulación supuxo un retroceso nas conquistas sociais e, de forma indirecta, prexudica e discrimina á muller traballadora”, manifestou a portavoz popular de Política Social Raquel Arias.
Na súa intervención, Raquel Arias lembrou que as bonificacións ás empresas das cotizacións sociais para as baixas por maternidade, paternidade ou adopción eran do 100 por cento co obxectivo de deixar de estigmatizar as baixas por maternidade das mulleres traballadoras, pero unha decisión do Goberno de Pedro Sánchez en 2023 limitou estas bonificacións a 366 euros ao mes.
A modo de exemplo, explicou que a base media de cotización para unha muller de entre 30 e 34 anos é de 1974 euros, dos que 700 euros corresponden á cotización, de xeito que esa bonificación de 366 euros soamente cubriría arredor dun 52 por cento do desembolso da empresa.
NOVOS REQUISITOS
A portavoz popular anotou que o Goberno central incorporou en 2023 novos requisitos para acceder a esta bonificación, xa que a persoa que se contrate para a substitución deberá estar inscrita no paro, ter menos de 30 anos, non ter relación de carácter especial nin ser familiar ata segundo grao de cosanguinidade nin conxugue do empresario, nin ter tido un contrato indefinido nos últimos tres meses, salvo en caso de despido colectivo ou improcedente.
“Con esta modificación ás empresas sáelles máis caro as substitucións por maternidade”, indicou Raquel Arias, quen apuntou que os requisitos limitativos para a persoa contratada “tamén supoñen unha dificultade engadida para atopar no mercado un perfil idóneo nos supostos de substitución de traballadoras ou traballadores con certa experiencia e cualificación”.
Para rematar, Arias considerou “unha boa oportunidade, nas vésperas da celebración o vindeiro 8 de marzo do Día Internacional da Muller, a aprobación desta iniciativa no Pleno do Parlamento, facendo un chamamento ao Goberno de España para que modifique esta norma e demostre con feitos que si lle preocupa a igualdade real da muller”.