O Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España que flexibilice a condicionalidade da PAC de xeito que os produtores agrogandeiros afectados polo temporal Kirk do pasado mes de outubro e polas condicións climatolóxicas adversas do último trimestre do pasado ano non sexan penalizados por non cumprir os criterios que marca a normativa e poidan recibir con normalidade estas axudas fundamentais para a continuidade das súas explotacións.
Os deputados populares Nicole Grueira e Enrique Barreiro visitaron esta mañá a explotación gandeira Cabo de Vila en Castro de Rei, acompañados do alcalde deste concello, Francisco Javier Balado, para coñecer a situación na que se atopan as explotacións afectadas polos efectos do temporal Kirk e as persistentes e intensas precipitacións que se recolleron na Comunidade galega nos últimos meses do pasado ano.
IMPOSIBILIDADE DE CUMPRIR COA ROTACIÓN
“Estas adversas condicións climatolóxicas provocaron serios danos nas explotacións gandeiras galegas, especialmente en comarcas como a Terra Cha, onde extensas parcelas quedaron totalmente arrasadas, perdéndose colleitas enteiras que aínda estaban na terra”, manifestaron os deputados populares.
Ademais, as anegacións prolongadas das terras impediron que os produtores puidesen realizar os traballos necesarios para a preparación do solo e a nova sementeira nos prazos establecidos, “provocando non só perdas económicas directas, senón tamén un atraso significativo no ciclo produtivo das explotacións afectadas”, apuntaron.
Aínda que coa última modificación da BCAM 7, os produtores poden optar por diversificar, e non rotar, para salvar este contratempo, cremos que o Goberno central debe permitir a excepcionalidade de cumprimento coa BCAM 7 en casos de forza maior, cando as condicións adversas do clima non permitan o libre desenvolvemento dos traballos de sementeira.
Diante desta situación, os agricultores e gandeiros atopáronse coa imposibilidade de cumprir coa rotación de cultivos establecida na normativa da PAC, un criterio fundamental para a percepción destas axudas.
“Por este motivo, solicitamos que o Goberno central flexibilice as condicións para acceder ás axudas da PAC nestes casos concretos, ofrecendo saídas específicas aos agricultores e gandeiros que lles permitan paliar os efectos desta crise motivada polo temporal Kirk e as intensas choivas de finais do pasado ano, protexendo así o tecido produtivo e garantindo a viabilidade da actividade agrícola e gandeira en Galicia”, manifestaron.