A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a proposta do BNG de crear unha Valedoría da Igualdade “só serviría para xerar duplicidades e solapamentos innecesarios con outros organismos xa existentes”, como o Valedor do Pobo, o Consello Galego das Mulleres ou a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.
Paula Prado criticou que o BNG “recicle e descafeine as súas propostas coas que supostamente pretenden cumprir a estratexia feminista que lles mandan dos coroneis da UPG”. Así, explicou que “esta vetusta iniciativa nacionalista, que xa vén dos tempos de Anxo Quintana, pasou de ser unha proposición de lei de 24 folios en 2023 a converterse nunha proposición non de lei de apenas catro páxinas, de tantas boas intencións como imprecisións e termos excesivamente amplos”.
ESFARELAMENTO E ANEMIA DO FEMINISMO NACIONALISTA
“As funcións desta Valedoría entrarían en colisión coas funcións doutros departamentos xa existentes, como o Consello Galego das Mulleres, as direccións xerais de Promoción da Igualdade e de Relacións Laborais da Xunta, ou a inspección de Traballo do Goberno central”, explicou Paula Prado.
Así mesmo, indicou que “non é necesario crear un órgano deste tipo cando en Galicia xa contamos cunha institución como é a Valedora do Pobo, que precisamente ten entre as súas competencias a de velar pola igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, así como pola erradicación da discriminación por razón de sexo”.
“O único que se atopa en situación de esfarelamento e anemia é o falso feminismo da esquerda”, asegurou a viceportavoz popular, quen criticou ás deputadas do BNG por “gardar silencio ante o machismo que rezuma o seu sindicato ao perpetuar os estereotipos sexistas coas súas viñetas de humor de taberna”. Ademais, lamentou que este silencio dos nacionalistas “tamén lles privou de condenar o ataque desta fin de semana á conselleira de Medio Ambiente e á súa familia”, polo que dixo que “aínda están a tempo para condenar este escrache na porta da súa casa, porque en política non vale todo”.