O Pleno do Parlamento de Galicia reiterou hoxe ao Goberno de España, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular que foi aprobada por unanimidade, a solicitude para que declare o Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese ao abeiro do previsto Lei 49/2002 de réxime fiscal de entidades sen ánimo de lucro, e de incentivos ao mecenado, e con efectos xa desde o presente ano 2025.
O portavoz popular de Turismo, Borja Verea, lamentou que, “a pesar de que existe un consenso total en que o Xacobeo 2027 sexa declarado evento de excepcional interese público, aínda non o é a día de hoxe”. Neste sentido, apuntou que “a causa principal é a falta de orzamentos estatais”, ante o que demandou “vontade política para poñer en marcha esta declaración a través doutra lei ou incluso dunha lei independente aos orzamentos”. “O que fai falta é vontade política por parte do Partido Socialista e do Goberno de Pedro Sánchez”, dixo.
Borja Verea explicou que esta declaración “permite poñer en marcha os incentivos fiscais de apoio ao Xacobeo 2027 e, polo tanto, abre a porta á colaboración público-privada”, que no anterior Xacobeo 2021-22 permitiu poñer a disposición de todos os galegos 28 millóns de euros procedentes de 40 empresas colaboradoras.
TEMPO DO URXENTÍSIMO
“Estamos no tempo do urxentísimo para que se declare o Xacobeo 2027 como evento de excepcional interese público, porque de non facelo terá consecuencias negativas para Galicia e para os galegos”, sinalou o deputado popular, quen anotou que, “se a insistente unanimidade do Parlamento de Galicia non é suficiente para activar ao Goberno de España, só quedaría a triste conclusión de que estamos ante un boicot doloso co único obxectivo de facer dano a Galicia por intereses partidistas”.
Para rematar, Verea manifestou que o próximo Ano Santo Xacobeo 2027 “representa unha oportunidade única para reforzar o posicionamento internacional de Galicia como destino cultural de referencia a nivel mundial, e isto terá un impacto directo sobre os sectores estratéxicos da economía galega e, tamén, sobre iniciativas de sostibilidade e preservación do patrimonio, porque o Camiño de Santiago e o Ano Santo son os produtos culturais máis sostibles, máis socializadores e máis ecolóxicos que existen, e que temos a sorte histórica que sexan 100 por cento galegos”.