O Grupo Popular no Senado logrou aprobar sen votos en contra -con 26 votos a favor e 2 abstencións- unha moción para instar ao Goberno de España a seguir impulsando accións de emprendemento como unha forma de afrontar o reto demográfico e fixar poboación no territorio e financiar con fondos estatais os recursos necesarios para dar cobertura ao Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación de Galicia (CUELE-Galicia) e outros centros similares.
O senador lucense, José Manuel Balseiro, defendeu esta iniciativa este luns na Comisión de Traballo e Economía Social reivindicando o cofinanciamento por parte do Goberno de España en colaboración coas comunidades autónomas, os recursos necesarios para o funcionamento do CUELE-Galicia e doutros centros similares noutras autonomías, garantindo así a súa continuidade e eficacia no apoio ao emprendemento.
O popular defendeu que “o Goberno do Estado e as distintas CC.AA. comparten retos comúns” como son, por exemplo, “facer fronte á modernización e ao avance do tecido produtivo, o reto demográfico especialmente importante para o noso rural e a necesidade de potenciar a empregabilidade dos demandantes de emprego”.
Balseiro pediu “vontade” ao Goberno de España para “redobrar a aposta polo emprendemento”. E engadiu que “se as distintas administracións coma o Estado, as CC.AA. e, incluso, os Concellos son capaces de sumar esforzos, serán capaces de xerar máis e mellor emprego e máis emprego de calidade”.
O senador lucense tivo palabras de recoñecemento para os emprendedores que “son tanto os grandes empresarios que xera miles de postos de traballo coma os autónomos que madrugan e arriscan o seu patrimonio persoal para facer realidade unha idea de negocio”.
Balseiro puxo a Galicia como “exemplo de boas prácticas en materia de emprendemento. O Goberno autonómico do Partido Popular sempre apostou polo emprego autónomo e os emprendedores”. De feito, “as súas medidas fixeron posible que Galicia recibira o premio de ‘Rexión Emprendedora Europea 2025’ do Comité das Rexións que recoñece ás rexións europeas que presentan estratexias innovadoras de impulso ao emprendemento”, explicou.