Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos Costa visitaron esta mañá as Bodegas Terras Gauda para coñecer de primeira man as preocupacións e incertezas no sector vitivinícola galego ante a proposta do presidente de Estados Unidos, Donald Trump, de impoñer novos aranceis.
No encontro celebrado co presidente, director xeral e CEO de Terras Gauda, José María Fonseca, Iago Becerra e Antón Fonseca, respectivamente, os deputados populares constataron que a imposición de aranceis por parte dos EEUU suporía a posibilidade de perder un dos mercados mais importantes das exportacións da denominación de orixe Rías Baixas. En concreto, no ano 2024, un total de 85 bodegas desta denominación exportaron cerca de tres millóns de litros a este país, xerando uns ingresos de 23,4 millóns de euros, polo que as políticas arancelarias poderían ter graves consecuencias.
NEGOCIACIÓN FUNDAMENTAL
“O mercado de EE.UU. é fundamental para a sostenibilidade económica do sector vitivinícola da Unión Europea e non existe agora mesmo un mercado vitivinícola alternativo que poida compensar esta perdida”, manifestaron os deputados populares, quen incidiron especialmente que a imposición dos aranceis “prexudica especialmente ás pequenas e medianas empresas, que son a gran maioría das bodegas, xa que teñen menor capacidade para diversificar as súas exportacións e dependen máis dos principais mercados de exportación, ademais de que teñen menor capacidade económica para afrontar situacións complicadas como esta”.
Julio García Comesaña e Manuel Santos consideraron “fundamental que as autoridades europeas e estadounidenses negocien para evitar que o viño se converta en moeda de cambio en disputas comerciais entre a Unión Europea e os Estados Unidos”.
Nesta situación, salientaron que a Xunta de Galicia seguirá apostando por potenciar a calidade diferenciada das nosas producións agroalimentarias, como fórmula para manter a competitividade do sector nos diferentes mercados. En concreto, destacaron a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas e o apoio aos consellos reguladores, para sufragar os seus gastos de funcionamento e para apoiar os seus programas de control da calidade e da orixe de produtos agroalimentarios con distintivo de calidade.
Por último, os deputados populares reclamaron ao Goberno de España “unha resposta de país, coordinada e consensuada coas comunidades autónomas, que nos permita asegurar que o apoio chega aos afectados, ao tempo que se busquen novos mercados e se potencien os mercados internos español e europeo, en lugar de decisións unilaterais cuxos intereses descoñecemos”.