Os concellos do PPdeG instan á Federación Galega de Municipios e Provincias a pedirlle ao Goberno central que chegue ao 50% que lle corresponde de financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ao tempo que agradecen á Xunta que sexa consciente do incremento que está sufrindo o prezo do SAF e, polo tanto, da necesidade de aumentar a aportación.
Nestes termos se referiu hoxe, en declaración remitidas aos medios, o vicepresidente primeiro da Fegamp e voceiro dos populares galegos no organismo, Ángel Moldes, sobre o SAF, grazas ao cal unhas 25.000 persoas con dependencia reciben atención nos seus domicilios en Galicia.
Desde o grupo popular no ente supramunicipal sinalan que, aínda que os concellos son os encargados de prestar este servizo, non é unha competencia propia, senón que debe ser financiada tanto pola Administración autonómica como pola Administración do Estado.
Por iso, cando “si existe este compromiso para incrementar a aportación” por parte da Consellería de Política Social —a Xunta destina este ano 140 millóns de euros, un 8% máis que en 2024—, os populares non entenden que non sexa así por parte do Goberno central: “É a hora de que dean pasos, mostras de que hai interese en paliar ese déficit de financiamento”.
“A realidade é que parece que camiñamos en sentido contrario”, lamenta Ángel Moldes, quen censura que o Executivo de Sánchez, “en vez de incrementar proporcionalmente esa achega para aproximarse ao 50% como establece a lei, o que vai é cada ano reducindo drasticamente as súas porcentaxes: no 2023 achegou un 40%, mentres que no 2024 quedouse nun 34,9%”.
Por este motivo, e máis aínda tendo en conta que o presidente da Fegamp é do mesmo partido político que o que lidera o Goberno central, desde o PPdeG pídenlle a Alberto Varela que inste á Administración estatal a que “faga o mesmo que está facendo a Xunta: dar mostra de que quere paliar un problema que están sufrindo as economías de todos os concellos”.
Cómpre lembrar que o Goberno galego xa está en negociacións coa Fegamp, co firme compromiso de ampliar a súa achega.
Mentres tanto, o Goberno central acumula unha débeda cos galegos e galegas en materia de dependencia que supera os 2.500 millóns de euros, e a ausencia de apoios dos seus socios para sacar adiante uns novos Presupostos Xerais do Estado complica aínda máis o panorama de cara a este 2025.